Bo nadal Vieiros
Panxoli–asPostais
Receitas
Agasallos
180 letras

Que pides
Que se nos ven

« As panxoliñas, o papel que merecen

O vilancico e a panxoliña, un tempo de esplendor


Curiosamente, o primeiro vilancico en galego do que temos constancia, ‘Deus nace galego’, foi cantado en Portugal en 1637. Parece ser que a ‘moda’ da cantiga de Nadal galega pasaría da mitra compostelana á Corte de Madrid, e de alí a Portugal no tempo de Xoán IV. A música das pezas estaría inspirada en ritmos como a muiñeira ou a alborada.

Deus nace galego
Ay! Se nosso Deus galego se faze
vamos a cantar á chozinha em que nace
Ay! Se a sua May é de Compostela,
vamos a cantar fermosa galega
Todo galeguinho toque charumbela
Que o menino bello é da nosa terra.
Façamoslle todos a dança galega
Que está desnudinho e chora e tembra
Pois nace en Galiça, á falda da serra,
galego se faze é da nosa terra.

Nunha época, os Séculos Escuros, na que apenas había manifestacións literarias na nosa lingua, nos templos de Castela, de Madrid, de Brasil e mesmo de Australia tentaban imitar de mala maneira os trazos do galego. A personaxe do pastor galego, pobre, labrego, emigrante, triunfou nas cantigas madrileñas e portuguesas do mesmo xeito que en América tivo éxito o pastor negro por ser máis crible. Segundo Carlos Villanueva, este tratamento bufonesco do galego, que tamén se daba no teatro, non existía na propia Galiza.

Fronte aos estereotipos do exterior, na nosa terra tratou de facerse un vilancico culto, sen elementos risibles, baseándose na tradición popular da panxoliña. O costume de cantar un vilancico en galego no Nadal orixinouse na Catedral de Compostela en 1790, pero quen mantivo o ritual ata o século XX foi Mondoñedo, que conserva dúas cantigas dialogadas, nas que se mesturan frases en galego e en castelán: 'Oyame zagal' (1799) e 'Los gallegos sabiendo que en Belén nació el pan' (1801).

A forma dos actuais vilancicos relixiosos non parece pois moi antiga, pero si os seus antecedentes remotos. As panxoliñas deberon ter no seu día unha orixe pagá e supersticiosa, vencellada ás celebracións do solsticio invernal (a noite do 24 de decembro).

De acordo co crítico musical Julio Andrade, a tristura profunda e a angustia que experimentan moitas persoas nestas datas podería deberse a unha herdanza no inconsciente colectivo: o terror que lle debeu inspirar aos homes do pasado a perda paulatina da luz solar. Andrade fai, ademais, a seguinte clasificación das cantigas de Nadal:

Panxoliñas | Arrolo | Aguinaldos | Romances | Aninovos ou Xaneiras | Manoeles | Os Reises |


Panxoliñas
É unha cantiga moi sinxela, normalmente lírica e chea de tenrura, pero moitas veces susceptible de dobres leituras. Adoita ser común unha chamada á fraternidade arredor do presebe:

"Vinde, vinde rapaciños/vinde vinde os homes todos...".


Arrolo
É unha panxoliña de temática concreta, o arrolo do neno recén nacido.

Quen ten filliños pequenos
sempre lles ha de cantar;
A Virxe canta, mais canta
con voluntá de chorar.
O cantar que a Virxe canta
cando arrola ao seu Neniño
"Meu caravel, miña rosa
meu bico de paxariño".


Aguinaldos
Caracterízanse polo seu sarcasmo e enxeño. A petición do aguinaldo sempre é irónica e ás veces desafíase a xenerosidade dos veciños.

O Señor Manoel da Portela
é un home moi capaz
de meter a man ao bolsillo
e darnos trinta reás.


Romances
Distínguense do resto dos cantos de Nadal polo seu carácter descritivo. Case sempre relatan a historia previa ao Nacemento do neno.

Subiu un anxo do ceo
cantando a Ave María
preguntoulle o Padre Eterno
cómo quedaba a parida.
"A parida queda ben,
na súa cama recollida".


Aninovos ou Xaneiras
Cántanse no primeiro de ano e agochan supersticións e conxuros, por estar vencellados ás festas do solsticio.

Ano novo con ben veñas
Como o sol entre as estrelas
Os cabritos coas cabras
E os años coas ovellas.


Manoeles
Están moi vencellados aos anteriores, tamén se cantan o primeiro de ano, día de San Manuel.

Manoel que estás durmido
Na cama tan destapado
Levántate daí Manoel
Que vas coller un catarro.


Os Reises
Son as cantigas da festividade dos Reis Magos e tamén son similares aos aguinaldos ou aninovos. Neste que reproducimos, Andrade Malde ve un auténtico meigallo:

Cantámosche os reises
Orellas de cabra;
Cantámosche os reises,
Canela de cabra,
Touciño de cocho,
Orella queimada.
Cantámosche os reises
Non nos deches nada.


Os corpus dos vilancicos conservados nas catedrais de Santiago e de Mondoñedo tamén foron estudiados desde un punto de vista filolóxico, analizando as súas características lingüísticas; as panxoliñas populares serven tamén para achegar datos sobre os costumes sociais dunha época concreta e tamén os hai que ven un rexurdir do nacionalismo asociado ao canto de vilancicos en galego. Cando en 1978 Fuxan os Ventos emprendeu unha xira polas vilas galegas co espectáculo ‘Galicia canta ao neno’ os concertos na nosa lingua eran pouco habituais e o canto de panxoliñas tradicionais supuxo unha reafirmación da nosa identidade. Así que se lembran algunha panxoliña familiar, cántena na casa para que o costume non esmoreza.


Fontes utilizadas:
- Los Villancicos Gallegos. Carlos Villanueva. Fundación "Pedro Barrié de la Maza" (1994).
- El hondo contenido de la panxoliña. Julio Andrade Malde. Conferencia organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, o 26 de decembro de 1973.
- Dous vilancicos mindonieses. María Xosé Anca Casa. Congreso de Jóvenes Filólogos, A Coruña, 1996.



« Portada